14.2.05

Esta noite hai un serán


No verán decidimos visitar o país imaxinado por Cunqueiro levados polos vencellos entre Galicia e Bretaña no que respecta a dúas das nosas grandes paixóns, a música e a literatura. A viaxe comezou en Le Mont Saint Michel, no linde normando, e rematou, tras bordear a costa da outra fisterra europea, en Lorient. Foi en Pontrieux onde puidemos asistir a un Fest Noz, ou festa nocturna, no cal nos chamou poderosamente a atención a importancia que tiña o baile na música popular bretoa. Despois soubemos que a danza non só é importante, senón que é imprescindible no folclore bretón: é a música a que segue o baile e non ao revés. Comprobamos que igual de importante que bailar e tocar é beber e comer, e foi neste aspecto onde máis semellanzas atopamos coas nosas festas. Foi tamén ese o único día en que puidemos escoitar falar bretón, pois por alí andaban membros da Ofis ar Brezhoneg, organización que ten por obxectivo a defensa e promoción da lingua bretoa.
Este sábado, convidados por un bo amigo, asistimos ao equivalente do Fest Noz en Galicia, fomos a un serán, ao IX Serán dos namorados na parroquia de Toutón, en Mondariz. Dende o primeiro momento ficamos abraiados. Baixo unha carpa estaban reunidas ao redor de 200 persoas, e non menos da metade subirían ao escenario para cantar ou tocar. Alí había xente de todas as idades, e o baile, que eu xulgaba que estaba esmorecendo na nosa tradición, servía de ponte entre as vellas xeracións e as novas. Os novos mesturabámonos coa sabedoría dos vellos e os vellos sentíanse novos. Son os propios veciños e veciñas de Toutón os que organizan o evento, e encárganse eles mesmos de preparar nas súas casas comida, bebida e chocolate que despois reparten entre todas as persoas que están na festa. A troula pode durar ata a mañanciña, dependendo do número de persoas que se animen a subir ao escenario. Parabéns para os veciños de Toutón por faceren que o elo da cadea ancestral que nos une co pasado e co fondo de nós mesmos non rompa.